Saturday 27 de April de 2024

A Xunta inviste máis de 546.000 euros na mellora de seis polígonos industriais na comarca da Coruña


As axudas apostan por fortalecer o tecido empresarial, mellorar as infraestruturas da Comunidade e fomentar o emprendemento industrial

A Xunta de Galicia está a investir 546.000 euros en obras en polígonos industriais de Arteixo, Bergondo, Cambre, Coirós, Culleredo e Oleiros. Estas inversións son posibles grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Ovidio Rodeiro sinalou que con estas obras “a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso co desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña invístense 2,2 millóns para financiar 29 proxectos en 25 concellos.

Con respecto á orde de axudas destinada a parques empresariais en Galicia, aprobáronse un total de 76 proxectos. Desenvólvense en 62 concellos galegos –dos que 20 eran concellos emprendedores cando se concederon os apios, é dicir, aqueles adheridos ao convenio entre Xunta e Fegamp para impulsar a captación de novos investimentos empresariais– cunha aportación de 5,7 millóns de euros e unha mobilización de 7,45 millóns. Concretamente na comarca da Coruña Coirós era emprendedor cando se resolveron as axudas.

Coa aprobación destes proxectos, esta orde terá permitido, desde 2009, realizar 502 proxectos en 149 parques industriais de 122 concellos galegos cun investimento de 35 millóns de euros.

Con estas novas axudas a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o co desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade e co apoios ao emprendemento, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.